A asociación que agrupa ao comercio e a hostalería locais entregou a Cáritas Arteixo os libros compilados na última semana de abril.

Entre os exemplares recollidos hai best-sellers, clásicos da literatura universal e obras infantís en óptimo estado de conservación.

Arteixo, 13 de maio. O Arteixo Centro Comercial Aberto puxo en marcha unha innovadora campaña solidaria, o pasado mes de abril, para conmemorar o Día do Libro. Todas as persoas que entregaran algún libro usado obterían a cambio un vale desconto de 0,50 euros para a compra de exemplares novos e a iniciativa tivo moi boa acollida entre a veciñanza. Os establecementos participantes recolleron máis de 500 doazóns que foron entregadas, á súa vez, a Cáritas Arteixo co obxectivo de facilitar o acceso á lectura ás familias con menos recursos.

O acto de entrega contou coa presencia do xerente do Arteixo CCA, Emiliano Cossini, e da directora de Cáritas Arteixo, Mari Carmen Verdía, que expresou o seu agradecemento a todas as persoas que contribuíron ao éxito da campaña coa entrega de exemplares relativamente novos, en óptimo estado de conservación e moi interesantes dende o punto de vista editorial. Amosou a súa satisfacción ante a boa calidade dos títulos, entre os que hai best-sellers, clásicos da literatura universal en galego e castelán e obras dirixidas ao público infantil. Moitos deles serán distribuídos entre as familias durante ás entregas de alimentos dos venres e outros, os de maior interese para uso académico, pasarán a formar parte da biblioteca de Cáritas. Quedarán a disposición dos escolares con máis dificultades económicas para acceder a eles.

 

Compromiso do comercio local

Emiliano Cossini asegura que o volume de exemplares recollidos “superou amplamente as mellores expectativas do Arteixo CCA, máis aínda se temos en conta que era primeira ocasión na que se poñía en marcha unha campaña destas características”. O xerente da asociación que agrupa ao comercio e a hostalería de Arteixo destacou o compromiso da pequena economía local, “non só para ofrecer o mellor servizo aos seus clientes, senón tamén para contribuír de maneira directa ao benestar social e á mellora da convivencia na vila”.