Os establecementos asociados afrontan o período de saldos coa incerteza das novas restricións que se poidan establecer.
As iniciativas de dinamización comercial tiveron moi boa acollida e constatouse un reforzo da confianza no pequeno comercio local.
A celebración do Día de Reis marcou o final dunha campaña de Nadal atípica para o Arteixo Centro Comercial Aberto, que ofreceu motivos para a esperanza a pesar das restricións derivadas da pandemia e o descenso do consumo a nivel xeral. Os establecementos asociados lograron reactivar en certa medida as súas vendas tralo parón dos meses anteriores e afrontan agora con algunhas dúbidas o período de rebaixas de inverno. A maior incerteza reside, á marxe da inseguridade económica, nas medidas que se establezan dende a administración nas próximas semanas para facer fronte á covid-19.
A pesar da caída xeneralizada do gasto das familias, que afectou ao conxunto da economía, o peche da campaña permitiu constatar un reforzo da confianza no comercio de proximidade. Na época de maior actividade do ano, os consumidores apostaron por unha alternativa menos masificada e atoparon nos pequenos establecementos a opción máis segura para as súas compras. Aínda así, os resultados foron dispares, con cifras positivas en negocios como as librerías ou xoierías e vendas máis moderadas, por exemplo, nas tendas de roupa, que se resentiron ante a imposibilidade de celebrar festas e a consecuente caída da actividade social.
Por outra banda, as iniciativas impulsadas dende o Arteixo CCA para estimular as compras de Nadal tiveron moi boa acollida entre os consumidores. Centos de persoas participaron, os catro últimos sábados, nos sorteos nos que se repartiron máis de 1.000 euros en premios e a colaboración co feirón impulsou en certa medida o movemento comercial nunhas datas clave. As accións desenvolvidas durante o último mes serviron, ademais, para dar visibilidade ao comercio local como a opción máis sustentable dende o punto de vista social.