A primeira edición do ‘Stock Fóra!’ preséntase como un plan de lecer seguro para a xente de Arteixo

O comercio local celebra unha fin de semana de grandes descontos condicionada polo peche perimetral do municipio.

O stand dos premios estará instalado na Avenida do Balneario o venres 12, o sábado 13 e o domingo 14 ata o mediodía.

Arteixo, 11 de marzo. Finalmente, o ‘Stock Fóra!’ terá que ser un evento reservado para a veciñanza de Arteixo. O peche perimetral seguirá en vigor despois do venres e non se permitirán as entradas nin as saídas do termo municipal, pero o Arteixo Centro Comercial Aberto quere ofrecer un plan diferente de lecer seguro para toda a xente que vai ter que quedar na vila durante a fin de semana. Aparte de beneficiarse de prezos rebaixados nunha ampla variedade de produtos, todas as persoas que fagan as súas compras nos establecementos participantes ata o domingo a mediodía poderán optar a centos de premios e vales de desconto nun stand situado na Avenida do Balneario.

O evento dará a oportunidade aos pequenos negocios de Arteixo de vender parte do seu stock despois dunha campaña de inverno condicionada polas restricións sanitarias. Infinidade de artigos rebaixados de moda, calzado, complementos, xoguetes, xoiería, óptica ou automoción integran a oferta que o comercio local terá en exposición dentro dos propios locais, cumprindo coma sempre con todos os protocolos de hixiene, desinfección e control de aforo.

En total, son 16 os establecementos inscritos para a fin de semana de grandes descontos no comercio local: Lencería Maneux, El Mundo de Angie, Xoguetería Tiko Doco, Xoiería Barca, Mailoga Trade, Calzados Pasos, Balneario Visión, Mira Home, Brooklyn, Star.co Urban Store, CSK, Tres Sorrisos, Coccolate, Triscos, Listauto e D&D Automóviles. Todos eles estarán identificados cunha bandeirola rosa e unha alfombra da mesma cor diante do escaparate e o Arteixo CCA repartirá, ademais, folletos informativos cun mapa de distribución dos locais.

Do 12 ao 14 de marzo, 15 establecementos do Arteixo CCA ofrecerán prezos rebaixados nunha gran variedade de produtos.

Na Avenida do Balneario estará instalado un stand onde se repartirán centos de premios e vales de compra para o comercio local.

Arteixo, 8 de marzo. O comercio local de Arteixo ofrecerá, a próxima fin de semana, unha oportunidade única para conseguir unha gran variedade de produtos a prezos moi reducidos. A primeira edición do ‘Stock Fóra!’ contará coa participación de 15 establecementos diferentes especializados en moda, calzado, complementos, xoiería, xoguetes, óptica e mesmo automoción. Unha oferta moi diversa que servirá para poñer punto final á campaña de inverno e presentar os artigos da nova temporada. Os comercios inscritos estarán identificados cunha bandeirola rosa e unha alfombra da mesma cor diante do escaparate e ademais, vanse distribuír folletos cun mapa informativo sobre a distribución dos locais no centro urbano.

O Arteixo Centro Comercial Aberto, entidade organizadora do evento, repartirá centos de premios e vales de compra para gastar no comercio local nun stand situado na Avenida do Balneario. O venres 12, o sábado 13 e o domingo 14 de marzo ata o mediodía, todas as persoas que se acheguen cun ticket de compra dos establecementos participantes poderán participar nun xogo e optar a algún dos agasallos agochados tralo panel da sorte.

O ‘Stock Fóra!’ celebrarase, esencialmente, no interior dos propios establecementos e cumprindo, coma sempre, con todas as medidas sanitarias de limpeza e desinfección, distancia de seguridade e aforo, o que garantirá unha total seguridade á hora de facer as compras. A evolución da situación epidemiolóxica e a decisión que tome a Xunta sobre o peche perimetral determinarán se vai ser posible recibir convidados de fóra do concello. En calquera caso, a presidenta do Arteixo CCA, Paula Díaz, afirma que “é importante seguir facendo este tipo de eventos para dinamizar a vila e queremos animar a toda veciñanza a que acuda ao comercio local, durante a fin de semana, para aproveitar as grandes ofertas no comercio local”.