Reparto de xoguetes que esta mañá realizou o Coello de Pascua entre as afilladas e os afillados de Arteixo.

A través dunha campaña do Arteixo Centro Comercial Aberto, as madriñas e os padriños que quixeran podían solicitar a entrega a domicilio dos regalos do Domingo de Pascua mercados nos establecementos asociados. Ao volante da Motopascua (unha camioneta preparada especificamente para a ocasión), o Coello foi percorrendo as casas das familias que se sumaron á iniciativa.

O Arteixo CCA pon en marcha unha iniciativa innovadora e adaptada aos protocolos sanitarios para manter viva a tradición.

Os establecementos asociados ofrecerán vales de desconto para a compra de roscóns e ovos de Pascua.

Arteixo, 24 de marzo. A tradición do Domingo de Pascua segue moi viva en Arteixo. Os máis pequenos da casa agardan con ilusión o regalo das súas madriñas e padriños e este ano, a través dunha campaña innovadora do Arteixo Centro Comercial Aberto, a celebración será se cadra aínda máis especial. Os establecementos asociados ofrecerán a posibilidade de que o Coello de Pascua reparta, a domicilio, os agasallos das afilladas e os afillados que vivan na contorna do núcleo urbano ao longo da xornada do domingo 4 de abril. A sorpresa non suporá ningún custo engadido sobre o importe da compra e para os domicilios máis afastados existe tamén a opción de enviar as pascuas, por servizo de mensaxería, de forma gratuíta.

Durante os próximos días, unha camioneta pintada coas cores do Arteixo CCA percorrerá as rúas da vila para dar a coñecer a proposta. Ángeles Sánchez, integrante da directiva da asociación que agrupa ao comercio e a hostalería de Arteixo, destacou na presentación da campaña a importancia de activar iniciativas de dinamización comercial innovadoras e adaptadas ao contexto actual de restricións sanitarias. Indicou que “nunca antes se fixera unha campaña especial por estas datas, a pesar de que é unha tradición con moito arraigo en Arteixo” e anima ás madriñas e os padriños da vila “a sumarse a unha celebración que queremos manter viva, porque o Domingo de Pascua é un día moi entrañable para toda a familia”.

A entrega dos regalos por parte do Coello poderá solicitarse para as compras que se fagan ata o mércores 1 de abril, antes do inicio dos festivos de Semana Santa, pero esta non é a única vantaxe para os clientes do comercio local. As tendas repartirán vales de desconto de 1,5 euros para a compra de roscóns ou ovos de Pascua nos establecementos de alimentación asociados: O Forno da Vella, Panadería Gestal e Xiana. En Arteixo, a celebración da Pascua está moi ligada a estes doces e particularmente á rosca de Lañas, que é todo un símbolo gastronómico da localidade.