O I Congreso Galego de CCA pon de manifesto a necesidade de novos incentivos ao consumo

Unha vintena de panelistas interviñeron no encontro online organizado polo Arteixo CCA, que seguiron en directo máis de 60 persoas.

Os relatorios incidiron na importancia de iniciativas como os bonos para o comercio local ou a transformación de espazos urbanos para superar a crise.

Arteixo, 12 de marzo. Durante dous días, os centros comerciais abertos de toda Galicia tiveron a oportunidade de debater sobre a crise derivada da pandemia e compartir experiencias de dinamización comercial desenvolvidas con éxito en distintos lugares de España e Portugal. O I Congreso Galego de CCA e CCU, organizado polo Arteixo CCA en colaboración coa Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos, contou coa participación dunha vintena de panelistas que puxeron de manifesto a necesidade de defender o comercio de proximidade e garantir, dende as institucións, a supervivencia dos pequenos negocios. Máis de 60 persoas seguiron en directo os relatorios e as mesas redondas, celebradas en formato online e dirixidas principalmente a persoal técnico e profesionais do sector.

As entidades representativas do comercio local demostraron a súa capacidade para tecer sinerxias e poñer sobre a mesa propostas concretas que permitan superar a crise. Todas as que interviñeron coincidiron na demanda de novas medidas como a creación de incentivos ao consumo. A experiencia de distintas vilas e cidades onde se puxeron en marcha campañas de bonos para o comercio local foi valorada moi positivamente dende as xerencias dos centros comerciais abertos, que demandan a continuidade e a ampliación deste tipo de iniciativas.

Outra cuestión a debate foi a posibilidade de explorar novas fórmulas de dinamización comercial adaptadas a un contexto de restricións sanitarias e as vantaxes de acometer a transformación de espazos urbanos. Os participantes no Congreso tiveron a oportunidade de coñecer, de primeira man, o traballo desenvolvido en cidades como Pontevedra ou As Palmas de Gran Canaria, onde se apostou pola creación de novas zonas de uso peonil con notables beneficios para o comercio e a hostalería. Xunto a estas medidas, os diferentes relatorios incidiron na importancia de avanzar na adaptación dos pequenos negocios aos novos hábitos dixitais de consumo.

 

Arranca o I Congreso Galego de Centros Comerciais Abertos organizado polo Arteixo CCA

O encontro, en formato online, contará coa presenza de profesionais, expertos e técnicos de comercio de distintos lugares de España e Portugal.

Arteixo, 9 de marzo. As vendas a distancia a través das Redes Sociais, o marketing online aplicado ao pequeno comercio e as subvencións públicas para Centros Comerciais Abertos centrarán o debate na primeira xornada do Congreso Galego de CCA e CCU, que se celebrará, en formato online, os días 10 e 11 de marzo. O encontro, organizado polo Arteixo CCA en colaboración Coa Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos, servirá para compartir as distintas experiencias desenvolvidas por particulares e entidades de Galicia e outros puntos de España e Portugal. Polos relatorios e as mesas redondas incluídas na programación pasarán expertos, técnicos de comercio e profesionais do sector con propostas innovadoras.

O xoves, as persoas inscritas no congreso terán a oportunidade de coñecer, de primeira man, as campañas de dinamización desenvolvidas con éxito en Vitoria-Gasteiz nos últimos anos e os avances na transformación urbana para fortalecer o comercio en cidades como Pontevedra ou As Palmas de Gran Canaria. A xornada contará tamén con varios relatores procedentes de Chaves e Braga, cos que se vai debater sobre experiencias de cooperación transfronteiriza e a adaptación das entidades comerciais á nova normalidade.

A importancia do asociacionismo

Os Centros Comerciais Abertos ou Urbanos son entidades cun gran peso na promoción e defensa dos pequenos establecementos das vilas e cidades. Durante as últimas décadas foron as ferramentas máis eficaces para mobilizar e reter clientes en zonas periféricas, actuando como contrapeso fronte á capacidade de atracción das grandes superficies. No último ano serviron de áncora e punto de información fiable para o comercio de proximidade nun momento de incerteza, organizaron compras colectivas de equipos de protección e impulsaron propostas para defender a viabilidade dos pequenos negocios.

1. Introdución

As asociacións de comerciantes, en moitas vilas constituídas como Centros Comerciais Abertos ou Urbanos, son entidades de grande peso na promoción e defensa dos pequenos establecementos comerciais de servizos da nosas vilas.
Durante as últimas décadas foron as ferramentas máis útiles para mobilizar e reter clientes en zonas periféricas, e contrapeso para os atractivos e servizos que ofrecen os centros comerciais.

Dende o 14 de marzo de 2020, estas entidades e as persoas que executan o traballo, serviron de áncora e punto de información fiable para moitos e moitas comerciantes. Ás que non chegaba a información directamente ou non eran capaces de dixerila; para as que se organizaron compras colectivas de equipos de protección; para as que se repartiron materiais enviados dende a Xunta de Galicia. E, sobre todo, entidades que este ano máis ca nunca estiveron presentes para sacar adiante propostas que defendesen a viabilidade do pequeno comercio e os servizos dos espazos urbanos das nosas vilas e cidades.

Nun momento de cambio e incerteza como o actual, no que os hábitos de consumo mudaron drasticamente, acelerando expoñencialmente procesos coma o da dixitalización das compras, é preciso poñer en marcha unha actualización como a que solicitamos ás pequenas empresas. Unha formación para saber que facer ante un novo paradigma pasaxeiro -a pandemia- e para saber como afrontar o tempo que virá despois.

As asociacións de comerciantes, Zonas Comerciais, ou Centros Comerciais Abertos ou Urbanos de Galicia, levamos moito tempo sen ter un espazo no que compartir experiencias para aprender do traballo dos e das nosas entidades de outros municipios. Sen ter unha formación conxunta que nos axude a orientar as nosas actividades anuais. E incluso, dende as xerencias, hai moitos anos que non somos formados de maneira colectiva.
Por iso, dende o Arteixo CCA queremos propoñer o I Congreso de Centros Comerciais Abertos e Urbanos en colaboración coa Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos e Urbanos.

2. Equipo promotor

Promove e organiza o Arteixo CCA, coorganiza a Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas.

3. Público asistente e inscricións

Principalmente xerentes de Asociacións de Comerciantes e hostaleiros (CCAs, CCUs, Federacións, etc.) e as súas directivas. Pero tamén técnicos e técnicas encargadas da dinamización comercial das vilas, así como as propias técnicas de comercio da Xunta de Galicia e as PEMES que teñan interese.
O Congreso é gratuíto. Para asistir só será preciso enviar un correo a congreso@agaxecca.gal antes do 9 de marzo ás 23.59 co nome completo, entidade da que se provén -de ser o caso- e teléfono de contacto.

4. Datas

10 e 11 de marzo, vía telemática debido ás actuais restricións sanitarias. O Congreso está dividido en 1 xornada e media (1 mañá e 2 tardes).

5. Desenvolvemento

Será a través da plataforma telemática Zoom, e será posteriormente subido a internet para poder ser visionado de xeito libre.

Enviarase un enlace co enderezo nos días previos, xunto á final confirmación de inscrición.

Establecemos relatorios de expertos de 35 minutos de duración e mesas redondas de 1h15 con entidades e administracións, e sesións de 20 minutos de exposición de proxectos realizados por entidades e empresas.

6. Horario, temas e panelistas

Mércores 10

16.00h Apertura con autoridades.

16.45h PROXECTO Como vender a distancia, utilizando as Redes Sociais Ana Mesías Díaz – Xerente de Nayma Moda Mujer

17.15h RELATORIO Ecommerce e marketplace para o pequeno comercio e os CCA: saída, perdición ou burbulla? Javier Rocamora, Consultor en marketing online e estratexia en Las 3 en punto.

18.30h RELATORIO Liña de subvencións para Centros Comerciais Abertos e Urbanos da Xunta de Galicia: dúbidas e optimización do proceso. Persoal técnico Xunta de Galicia.

Xoves 11

9.30h PROXECTO Campañas de éxito na dinamización dos últimos anos: “El Juego de Vitoria-Gasteiz” e o “Mercado de la Almendra”. Patricia García Xerente de Gasteiz On (Vitoria-Gasteiz).

10.00h MESA REDONDA A adaptación urbana para fortalecer o comercio, experiencias e testemuñas dos comercios afectados. Anabel Gulías, Concello de Pontevedra; Ernesto Filgueira, Ex-Presidente Pontevedra Zona Monumental; Carlos Bethencurt, Presidente de Zona Triana.

11.15h RELATORIO Adaptación das entidades comerciais á nova normalidade, o papel das administracións e a experiencia da cooperación Chaves-Verín (Eurocidade). Vitor Pimentel; Presidente na ACISAT (Associação Empresarial do Alto Tâmega).

12.00h DESCANSO

12.15h PROXECTO A especialización e a venda multicanal no pequeno comercio. Tatiana Pérez, fundadora de Tea Bridge London.

12.45h MESA REDONDA Estratexia pública para a reactivación do consumo no pequeno comercio, hostalaría e servizos. Experiencias de políticas de incentivo das vendas. Xunta de Galicia, Emma Cid, Conselleira Técnica do Concello da Coruña; Patricia García Xerente de Gasteiz On (Vitoria-Gasteiz).

14.00h COMIDA

16.00h RECONEXIÓN

16.15h RELATORIO Adaptación das entidades comerciais á nova normalidade. O papel da administración pública e a importancia da dixitalización. Rui Marques, Director Xeral da Associação Comercial de Braga.

17.00h MESA REDONDA Cara onde van os CCAs/CCUs, financiación pública e propostas para fortalecer as entidades. Xosé Regueira, Concello de Carballo, Blas Piñeiro. Deputación da Coruña; Xunta de Galicia; José Ángel Blanco, Xerente de Compostela Monumental.

18.30 Clausura con autoridades

O evento, en formato online, estará centrado na definición de estratexias de dinamización comercial para superar a crise derivada da pandemia.

Celebrarase os días 10 e 11 de marzo, contará coa participación de distintos expertos e servirá para compartir experiencias de éxito en distintos ámbitos.

Arteixo, 2 de marzo. O Arteixo Centro Comercial Aberto exercerá de anfitrión no primeiro Congreso Galego de Centros Comerciais Abertos. Será un encontro innovador e adaptado ás circunstancias, con relatorios de expertos e mesas redondas en formato online. Durante dous días, o 10 e o 11 de marzo, as persoas inscritas terán a oportunidade de coñecer, de primeira man, as solucións propostas dende as distintas administracións públicas e asociacións sectoriais para facer fronte á crise derivada da covid-19. Xa está confirmada a participación de representantes de varias zonas comerciais de Galicia, País Vasco, Canarias ou Portugal, así como a doutras voces autorizadas do tecido institucional e comercial que se irán dando a coñecer nos próximos días.

A pandemia supuxo un reto sen precedentes para o comercio local. Os pequenos negocios tiveron que adaptar a súa actividade aos protocolos sanitarios e os hábitos de consumo sufriron unha profunda transformación nun período de tempo moi breve. Os centros comerciais abertos buscaron distintas fórmulas de dinamización comercial para minimizar o impacto da crise, pero apenas houbo oportunidades para poñer en común todas estas experiencias. As axudas a pemes e autónomos, os bonos para o incentivo do consumo, a dixitalización do pequeno comercio ou as iniciativas de transformación de espazos urbanos serán algúns dos temas a tratar no Congreso.

Moitas destas cuestións aparecen recollidas tamén no Plan GREA, o documento estratéxico para a recuperación económica de Arteixo, que foi presentado con moi boa acollida ante os membros da Asociación Galega de Xerencia de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas, entidade que colabora activamente na organización do Congreso. Esta mesma semana, o xerente do Arteixo CCA, Emiliano Cossini, entrou a formar parte da xunta directiva da Asociación en calidade de vogal.