«Contigo seguro que si», unha campaña do Arteixo CCA para reforzar a confianza dos consumidores

A programación servirá para reivindicar o comercio local como a opción máis segura e como un investimento no benestar de toda a comunidade.

“Contigo seguro que si” é o lema elixido para poñer en valor os beneficios de elixir o comercio e a hostalería locais. Coas actividades incluídas na programación, o Arteixo Centro Comercial Aberto busca un dobre obxectivo: ofrecer aos clientes un espazo seguro, dende o punto de vista sanitario, para as compras e o lecer e incentivar o consumo para contribuír á reactivación da economía local que é, en palabras da presidenta do CCA, Paula Díaz, “a economía de todas as veciñas e veciños de Arteixo”.

Todas as iniciativas que se van desenvolver no marco desta campaña contarán coas máximas garantías hixiénicas e Paula Díaz adiantou que xa están a traballar para que algunhas citas marcadas no calendario, como a Feira do Motor, poidan celebrarse cumprindo cos requirimentos da nova normalidade. Xunto ao encontro do sector da automoción, programado para a primeira fin de semana de setembro, o comercio local está a preparar tamén unhas xornadas de prezos especiais e vantaxes para os clientes nos establecementos asociados. A presidenta do CCA sinala que “a situación económica é moi delicada e por iso queremos ofrecerlle facilidades a toda a xente que confía no comercio de Arteixo”.

Haberá tamén propostas dirixidas a impulsar o sector da hostalería, como a Ruta Gastronómica de Verán, centrada na froita e nos produtos da horta, que terá lugar entre os meses de agosto e setembro. Ademais, durante as fins de semana está prevista a celebración de pequenos concertos nas terrazas, en horario de sesión vermú e adaptados aos protocolos de seguridade establecidos dende as autoridades sanitarias.

Xunto a estas iniciativas, orientadas a reactivar o consumo, o Arteixo CCA proporcionará aos establecementos asociados novas ferramentas para reforzar a súa presencia en internet. Un dos obxectivos, para os próximos meses, será a posta en marcha dun market place, unha plataforma dixital que facilite as compras online no comercio local. Ademais, no marco da campaña “Contigo seguro que si” programaranse charlas e cursos de formación para que as socias e socios poidan afrontar con éxito a saída da crise sanitaria.

Paula Díaz defende que “o período de confinamento e a desescalada puxeron de manifesto as vantaxes de contar cun tecido comercial forte e unha oferta de hostalería ampla sen ter que saír de Arteixo”. Neste sentido, recalcou que “cando compras na túa vila, fas un investimento no benestar de toda a comunidade” e reivindicou o esforzo que están a realizar os establecementos asociados para adaptar a súa actividade “ás esixencias sanitarias e, sobre todo, ás esixencias dos consumidores”.